Parque Natural do Invernadeiro
O Invernadeiro é un espazo natural de carácter montañoso situado nos montes de Vilariño de Conso (Ourense), ó sur do macizo central na provincia de Ourense. O Invernadeiro foi declarado parque natural o 5 de xuño de 1997, cunha superficie de 5.722 ha. Está situado entre os ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, e formado polas serras de San Mamede, Queixa, Manzaneda e o Fial das Corzas, que constitúen o Macizo Central Ourensán, con altitudes contorno ós 1.000-1.600 m.
As altas montañas de cumes cubertos de pastos mostran nas súas abas grandes extensións de queirugais que, en chegando ás ribeiras dos ríos, ceden o protagonismo ás fragas e soutos fluviais nos que a vida bule de forma sorprendente. Aquí e alí, escuras e espalladas manchas de piñeiros recordan a que foi a árbore predominantes no pasado. A fauna que ten aquí o seu fogar asombra pola súa riqueza e adaptación ó medio.
O espazo destaca pola súa riqueza faunística, botánica e enorme interese xeomorfolóxico e paisaxístico.
Situación
Área montañosa situada na porción centro-oriental da provincia de Ourense, ao sur do Macizo Central, pertencente á comarca de Viana e lindeira coas de Terra de Trives e Verín. Localidades de referencia: Laza, Verín e Vilariño de Conso.
Superficie
5.722 ha.
Accesos
Pola autovía A-52 ou a estrada N-525 ata Verín. Unha vez alí tomarase a estrada comarcal ata Laza (OU-114), desviando ata Campobecerros. Desde este lugar accédese por unha pista forestal asfaltada ao parque natural, que se encontra a uns 8 km ao norte.
Para entrar, o visitante deberá contar cun permiso que lle estenderá por escrito a Delegación Provincial de Medio Ambiente Natural de Ourense e que se concede a un máximo de 30 persoas por día, para efectuar percorridos a pé por diversas rutas sinalizadas (''Ruta da Aceveda'' e ''Ruta dos Cercados'', na Ribeira Pequena; ''Ruta da Auga'', ''Ruta do Depósito'', ''Ruta das Ortigas'' e ''Ruta das Troitas'', na Ribeira Grande). Non está permitido pasar a noite, salvo autorización expresa.
Infraestruturas
- Centro de recepción (tel. 988 386376)
- Aula da Natureza, na Ribeira Grande.
- Observatorios de fauna (cercado cinexético de ungulados silvestres).
- A Aula da Natureza conta cun dormitorio individual e dous dormitorios colectivos (con 28 liteiras cada un) destinados a investigadores e estudantes, sala de xogos, laboratorio-biblioteca, aula de proxeccións, enfermaría, comedor e cociña industrial. Dous monitores coordinan as actividades coa axuda de diverso material didáctico.
Máis información
- Servicio de Conservación da Natureza de Ourense (Rúa do Paseo, 18 5º. Ourense - Tel. 988 386 376 - 988 386 029)
- Email: servizo.conservacion.natureza.ourense@xunta.es