A Asociación de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea xestionará aproximadamente 4 millóns de euros, segundo anunciou o seu presidente, Francisco Magide Bizarro. A importancia desta cantidade levou aos seus directivos a convidar a cidadáns, emprendedores e institucións a asistir ás charlas que organizou para informar sobre o programa Leader Galicia 2014-2020.
Forman parte da citada asociación os seguintes concellos: Parada de Sil, Montederramo, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
Nas charlas informarase da filosofía Leader e da finalidade da asociación de continuar coa dinámica anterior. “O resultado foi unha xestión do mellor de Galicia, pola execución de dous fondos, quedando proxectos presentados, pero sen poder executarse por falta de fondos”, indicou Francisco Magide.
A charla á que deben asistir todos os interesados de Vilariño de Conso terá lugar no salón de plenos de Viana do Bolo o día 11 de maio ás 20:00 horas.