O Mago Teto co seu espectáculo: "Íntimo" o 15 de Abril de 2017

“Íntimo” é unha viaxe, seguramente iniciática, na procura da esencia da maxia. Alguén moi especial puxo no corazón do mago Teto, cando era un cativo, a semente da maxia, e a partires dese momento medrou nel un soño. O soño de ser mago. Para conseguir cumprir ese soño, o mago Teto tivo que estudiar, preparase, ensaiar e esforzarse moito, pero tamén tivo que viaxar. Viaxar polos lugares onde a historia da maxia foi deixando partes da súa esencia: Viena, París, Londres, Nova Delhi ou Tokio. En cada lugar onde o mago vai, descobre algo da esencia da maxia, pero non todo. Deberá seguir buscando para facerse co máis esencial da maxia de todos os tempos. Pero, ¿onde estará agora esa esencia? Se cadra na música, a música é máxica, ou na pintura, ou, tal vez, na literatura. Algún grande escritor foi tamén mago como Lewis Caroll. Mais, se cadra, neste século XXI, a esencia da maxia estea realmente na ciencia: na transformación da materia, na fusión ou na fisión nuclear, no Universo, ou, se cadra, nas matemáticas: “a linguaxe do Universo”, segundo Galileo Galilei. Como afirmaban os sabios antigos, os elementos que compoñen a natureza son catro, se cadra realmente son cinco: auga, terra, aire, lume e maxia. O quinto elemento. Aínda que pode ser que a esencia da maxia estea nas cousas máis pequenas que nos rodean, o que pasa é que non o sabemos ver. ¿Atopará o mago Teto a esencia da maxia? Para sabelo haberá que acompañalo na súa viaxe.

20170410 MagoTeto